CRTVG

Buscar

Galicia Noticias Mediodía

As obras no vello hospital de Santiago, pendentes dun gato

Publicado o 07/03/2018 14:27

Un gato con moita determinación ten en xaque as obras do hospital vello de Galeras en Santiago. El soíño conseguiu paralizar os traballos, porque non hai quen o dea sacado de alí. Os seus ex-compañeiros de colonia, 19 felinos, xa se renderon hai días, e os voluntarios conseguiron sacalos, pero este último non quere marchar, e resístese ao desaloxo.

No antigo hospital de Galeras, en Santiago, están a punto de empezar as obras de limpeza e desentullo, pero a existencia dunha colonia de gatos trae de cabeza aos obreiros.

Os voluntarios conseguiron retirar 19 animais nas últimas semanas, pero un resístese. Xa se escapou tres veces.

"A última tentativa foi onte, cun lazo, pero conseguiu librarse e agora nos deixaron poñer un par de zaulas dentro a ver se por fin cae dunha vez".

O gato que buscan vémolo nesta fotografía. Ten oito anos, domina o terreo e seica está moi resabiado.

"Xa que a empresa e o Concello colaboran, queremos sacalo o antes posible. Tamén por nós que estamos esgotados. O gato está gañando, de momento".

Os outros gatos desaloxados trasladáronos ao refuxio de animais de Bando. Quizais cando rematen as obras poidan volver aquí.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí