As obras de reforzo na seguridade da autovía Vigo-O Porriño non acaban de rematarse
Publicado o 09/07/2019 18:06
A A-55 segue ostentando o récord de sinistralidade a nivel nacional, con 123 accidentes e 205 vítimas. Para paliar as deficiencias deste vial, adxudicáronse en 2015 as obras de reforzo da súa seguridade. Catro anos despois, continúan os traballos e non hai prazo para a súa finalización.
As limitacións de velocidade e a colocación de radares non son para os usuarios a solución para minimizar a súa perigosidade.
Fomento acaba de anunciar que dende as once desta noite e ata as seis da mañá do mércores levarán a cabo a montaxe da pasarela peonil que cruza esta autovía. Anque será en horario nocturno, cortarase ao tráfico un dos carrís en cada sentido. Só durante dez minutos, da 1:50 da madrugada e ata as dúas, o peche será total.