CRTVG

Buscar

As novidades tecnolóxicas marcan este tempo de confinamento e coronavirus

Publicado o 26/04/2020 14:00

O coronavirus está xa asociado a unha nova fronteira tecnolóxica: desde xuntanzas telemáticas ao máximo nivel institucional ata diversas solucións para controlar a distancia a entrega de medicamentos e comida a domicilio.

E en medio de todo iso, a eclosión de centos de aplicacións para telefonía móbil con obxectivos múltiples. Por poñer algúns exemplos: realizar labores de rastrexo de casos positivos de COVID-19, detectar o virus pola tose ou controlar a distancia percorrida nos paseos dos confinados.

Pero todo adquirirá unha nova dimensión a partir do martes vindeiro, porque Google e Apple van estrear a súa nova app, que nos permitirá detectar contactos con casos positivos de coronavirus, ou sospeitosos de selo. A gran novidade é que o alcance da aplicación será planetario. 

O líder de Apple, Tim Cook, explicou que a nova aplicación poderá ser activada ou desactivada por cada usuario seguindo o seu propio criterio. Ademais, cando se neutralice a epidemia de coronavirus, a aplicación poderá eliminarse sen deixar rastro nin datos de cada cliente.

"Esta tecnoloxía, en todo caso, ten algúns problemas: o da privacidade, evidentemente; o de que ou ben é usada pola poboación de modo maioritario, o 60 ou 70% cando menos, ou carece de utilidade práctica. Por exemplo, en Singapur menos do 20% utilizou esta app e foi pouco útil", explica o catedrático Senén Barro.

O que xa resulta evidente é que as aplicacións móbiles e na web terán no futuro inmediato un papel decisivo e habitual no control e prevención de enfermidades.

Noticias web

26/04/2020