CRTVG

Buscar

As novas tecnoloxías permitiron duplicar a produción de leite en Galicia con menos vacas e explotacións

Publicado o 05/03/2020 19:58

Apostar polas novas tecnoloxías para paliar a falta de man de obra e para seguir sendo competitivos no mercado. Esas son as liñas a seguir nas ganderías de leite galegas con vistas ao futuro, segundo os expertos do sector reunidos hoxe en Lugo. Boa proba é que coa décima parte das explotacións conseguiuse duplicar a produción de leite e o número de vacas en 30 anos.

Se hai dez anos os robots para muxir foron unha revolución nas granxas de leite, hoxe a informática e as novas tecnoloxías volvéronse imprescindibles para que os gandeiros poidan traballar. Coñecer o maior número de datos sobre as vacas, as instalacións, a alimentación ou o propio leite converteuse nunha necesidade. Non só para estar informados senón para poder predicir a evolución da granxa e cumprir cos consumidores.

"Dar solución ás demandas dos consumidores urbanos, que piden rastrexabilidade e benestar animal. As novas tecnoloxías serven para dar resposta a este tipo de desafíos."

A falta de man de obra é un dos principais problemas para unhas explotacións que contan cada vez con máis vacas e producen máis litros de leite. As novas tecnoloxías poden atenuar esa falta de traballadores.

"Non todo o mundo serve para traballar con animais e o gandeiro atopa na tecnificación a solución á falta de man de obra."

Só o uso da tecnoloxía explica que Galicia produza o dobre de leite e conte co dobre de vacas que hai trinta anos cando daquela había 75.000 explotacións e hoxe só 7.000. En 2019 bateuse o récord chegando a 2,8 millóns de toneladas de leite e agárdase que este ano volva aumentar a produción.

Noticias web

05/03/2020