CRTVG

Buscar

As novas restricións perimetran por separado algúns concellos veciños

Publicado o 05/11/2020 14:00

No novo decreto aparecen zonas que son contiguas pero que quedarán perimetradas por separado. O exemplo témolo no concello da Estrada, que vai quedar perimetrado no mesmo grupo de Lalín e Silleda. Do outro lado da ponte sobre o Ulla é Teo polo que comeza un perímetro distinto: o grupo de oito concellos perimetrados xunto con Santiago de Compostela. Aos dous lados da ponte haberá, a partir do venres ás 12 da noite, as mesmas restricións, pero pertencen a distintos perímetros, polo que a mobilidade entre este lado e o outro non estará permitida agás causas xustificadas.

Un control vixía hoxe o perímetro externo da área de Santiago. A partir do venres ás doce da noite, Pontevea será o límite entre dúas áreas perimetradas, porque o concello da Estrada, do outro lado da ponte, estrea as máximas restricións formando grupo con Silleda e Lalín.

Na Estrada non se fala doutra cousa, nas ringleiras dos comercios ou do banco, que continuarán abertos, ou nos bares, que pecharán un mes.

Pegadiña a esta zona que se perimetra o venres, contigua, pero separada, está a área encabezada por Santiago de Compostela.

Á capital de Galicia, Ames e Teo súmanse o sábado outros seis concellos entre os que se poderá circular internamente, pero sen atravesar nunca o límite exterior.

Noticias web

05/11/2020