CRTVG

Buscar

Galicia entra o sábado nunha nova fase de contención do virus con máis restricións

Publicado o 05/11/2020 08:31

Os habitantes de 60 concellos verán limitados os seus movementos desde as doce da noite do venres 6 de novembro. Só se poderá entrar e saír deles, ou das áreas perimetrais da súa contorna, por motivos laborais, educativos, sanitarios, coidado de maiores e menores ou para actividades esenciais.

Son as cidades e tamén os seus municipios limítrofes, agás Lugo, onde estas novas restricións non afectan a ningún concello lindeiro. Ademais das cidades e os municipios limítrofes, tamén funcionarán como grupo Lalín con Silleda e A Estrada e Vilagarcía de Arousa con Vilanova e Cambados.

Ademais hai outros once concellos que se inclúen nestas restricións porque teñen máis de 200 casos por cen mil habitantes. Si que está permitida a mobilidade entre os concellos que están na mesma área restrinxida.

En todos os municipios perimetrados, non se suspende a actividade escolar nin pechan os comercios pero pecha a hostalería. Os restaurantes só poderán abrir para recollidas no local e para ofrecer servizo a domicilio. O Goberno galego estudará axudas para o sector no Consello da Xunta de hoxe.

Para os deportistas non federados, só estará permitida a actividade individual. Poderá ser colectiva se é ao aire libre. Tamén se limita a permanencia de persoas en lugares de culto e a ocupación dos eventos culturais, en cines, teatros e auditorios, que poderán celebrarse pero ao 50 por cento de público, cun máximo de trinta persoas no interior e 75 no exterior.

En toda Galicia redúcese a ocupación do transporte público á metade. Ademais nos concellos sen restricións tamén se limitan as saídas dos usuarios das residencias, pero mantéñense as visitas. Nas áreas perimetradas, as reunións só poden xuntar persoas conviventes; no resto, as xuntanzas pasan de cinco a seis persoas non conviventes. A Xunta estuda, tamén, a fórmula para permitir visitas a pais ou nais que vivan sos.

As novas medidas estarán en vigor ata o 4 de decembro, pero serán continuamente revisadas e se fose preciso modificadas ou levantadas.

• O decreto está dispoñible no Diario Oficial de Galicia

Noticias web

05/11/2020