CRTVG

Buscar

As mulleres do rural celebran o Día da Muller cunha xuntanza en Vilalba

Publicado o 08/03/2018 15:09

150 mulleres do rural celebraron unha xuntanza en Vilalba para conmemorar este Día Internacional da Muller. O acto estaba organizado pola asociación Mulleres de seu, da cooperativa Clun, pioneira na posta en marcha dun plan de igualdade no medio rural. Un acto para darlle voz e visibilidade á loita da muller do rural contra a desigualdade. Unha xuntanza que contou coa presenza da secretaria xeral de Igualdade.

A historia de Ana

Hai máis de 15 anos Ana acabou os seus estudos e quixo ser dona do seu destino. Elixiu casar, ter dúas fillas e poñerse á fronte da explotación familiar. 25 vacas que deben ser muxidas dúas veces ao día os 365 días do ano. Ela fai todas as tarefas. A súa loita é diaria. Silenciosa. Pero hoxe, ademais de traballar, tamén alza a voz.

"Parécenme ben todas as demandas de hoxe. No día de hoxe moitas non podemos estar, pero creo que non debe ser só cousa do 8 de marzo. Hai que educar todos os días os nenos no respecto ás mulleres e na igualdade", di.

As dúas fillas de Ana teñen 8 e 13 anos. Di que o camiño da igualdade debe percorrerse da man da educación, dos valores, do respecto. A explotación que antes era de súa nai permítelle conciliar e repartir tarefas co seu home. Estrella di que as mulleres historicamente cargaron con máis peso ca os homes. E poucas veces os soldos eran iguais.

"Agora axudan algo na casa... que antes nada. A muller traballa máis ca o home gañando menos. Mellorouse moito, pero queda moito por facer", conta súa nai. Ana traballa cada día nese camiño a prol da iguadade, do respecto e da dignidade.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

08/03/2018