CRTVG

Buscar

As mulleres aumentan a súa presenza no sector forestal

Publicado o 03/03/2020 19:57

As mulleres chegan cada vez máis a empregos onde antes era imposible atopalas. É o caso do sector forestal, onde a súa presenza pasou de labores exclusivamente administrativos a ocupar postos de dirección e a realizar traballos de corta no monte xeralmente asociados aos homes. Chegaron para quedaren e animan máis mulleres a traballar nun sector que precisa de man de obra.

Laura Vallejo posa coa súa ferramenta de traballo. Unha motoserra coa que leva tres anos gañando a vida cortando árbores por toda España. Esta antiga cociñeira non dubidou en formarse para poder traballar no monte e xa está aprendendo a usar máquinas como procesadoras e autocargadores. Recoñece que aínda hai clientes que se estrañan de ver unha muller cortando pero asegura que en canto comeza o traballo todo se esquece. Laura dá charlas a outras mulleres para explicarlles as posibilidades que ofrece traballar na madeira.

"Ás veces sorpréndeos ver unha muller e quedan mirando porque desconfían. Pero ao empezar o traballo xa todo se fai normal".

Nuria Rodríguez non corta árbores pero ten a responsabilidade de xerencia das empresas madeireiras, que dan emprego a 80.000 persoas en Galicia. A presenza feminina segue concentrada nas tarefas administrativas, pero a asociación de empresarios lembra que a modernización do sector pasa pola incorporación das mulleres ás tarefas do monte, sempre, iso si, logo dun proceso de formación.

"Aínda choca ver mulleres cortando árbores, pero iso irase superando co paso do tempo e a nosa situación no sector normalizarase".

De 276 empresas transformadoras de madeira que hai en Galicia, só 11 contan con mulleres en tarefas de xestión polo que cómpre seguir traballando na igualdade.

Noticias web

03/03/2020