As mostras de solidariedade coa illa canaria multiplícanse por toda Galicia
As mostras de solidariedade coa xente da Palma multiplícanse por toda Galicia. Nós queremos mostarlles dous exemplos. En Miño recollen produtos de hixiene nos supermercados da localidade, e en Pontevedra, unha pastelería decidiu doar toda a recadación do día para colaborar na reconstrución da illa.
Non quedou nada nas baldas. Foi o mellor final posible para unha xornada de traballo maratoniano. Case 6.400 euros viaxarán desde a pastelería Capri á illa da Palma para axudar a reconstruír vidas. Menchu e a súa filla Iciar tiñan claro que querían colaborar e buscaron a maneira de implicar tamén os seus clientes.
As redes sociais fixeron a maxia e choveron as encargas. No obradoiro duplicaron as horas de traballo e renunciaron a durmir. A recadación íntegra do día, máis do triplo que calquera outro sábado, vaise entregar á ONG Mensaxeiros da Paz.
A axuda que chegará desde Miño recibirana nas agrupacións de Protección Civil da illa. O Concello organizou unha recollida de produtos de hixiene e en todos os supermercados da localidade hai carriños nos que depositar as doazóns. A partir de mañá tamén recollerán toallas e roupa de cama no roupeiro municipal.