CRTVG

Buscar

A COVID-19 supera os dous millóns de contaxios detectados en todo o mundo

Publicado o 14/04/2020 17:22
A COVID-19 supera os dous millóns de contaxios detectados en todo o mundo

A pandemia causada pola COVID-19 superou nas últimas horas os dous millóns de contaxios rexistrados en todo o mundo. O número de falecidos a casusa desta enfermidade sitúase nos 130.000, o que elevaría o grao de letalidade en por enriba do 6 %. Aproximadamente medio millón de persoas xa poden dicir nestes momentos que a superaron.

Non obstante, nin o dato de contaxios, nin o de falecidos e nin sequera o das recuperacións, parecen nestes momentos fiables, polo feito de que moitos países non poden acceder a probas diagnósticas e porque a forma de contabilizar varía en función dos Estados. No que coinciden case todos os expertos é en que o dato de contaxios probablemente sexa máis alto, ao non terse en conta os casos asintomáticos e aqueles sospeitosos aos que non se lles fai probas de confirmación.  

Europa, centro da pandemia

Un total de 12.107 pacientes faleceron en hospitais do Reino Unido tras dar positivo por coronavirus, segundo as últimas cifras oficiais divulgadas este martes polo Ministerio británico de Sanidade.

O novo dato de mortes coñécese tras o repunte de 778 falecementos nas últimas 24 horas, unha cifra que se achega ao récord alcanzado o pasado venres, cando perderon a vida 780 persoas nunha soa xornada no país.

Ata as 08.00 GMT de hoxe leváronse a cabo 302.599 probas da  COVID-19, das que 93.873 deron positivo, precisou o Ministerio de Sanidade.

A cifra coñécese á vez que a Oficina Nacional de Estatísticas (ONS) divulgou novos datos que revelan o impacto mortal da enfermidade nas residencias de anciáns do país, algo ata o de agora non reflectido no reconto oficial do Goberno.

Conforme ás novas estatísticas, un 90,2 % (3.716) das defuncións por coronavirus rexistradas en Inglaterra e Gales ata o 3 de abril ocorreu en hospitais e o resto en hospicios, domicilios privados e sobre todo residencias de anciáns.

Por outra banda, a Asociación de Doutores do Reino Unido sumouse hoxe ás crecentes queixas do sector sanitario pola falta de equipamento de protección nos hospitais e centros médicos nacionais, como batas, lentes, máscaras e luvas. 

Os mortos en Italia superan os 21.000 mentres os contaxios se reducen

Os falecidos en Italia con coronavirus alcanzaron hoxe os 21.067, con 602 nas últimas 24 horas, unha cifra que vai en aumento nos últimos tres días, mentres os contaxios e os hospitalizados seguen reducíndose. O número total de casos de coronavirus desde que se detectou o 20 de febreiro é de 162.488 persoas, cun aumento de 2.972 no último día, a cifra máis baixa desde hai semanas, confirmando a tendencia de redución da propagación, e delas 37.130 curaron, segundo os datos ofrecidos hoxe polo xefe de Protección Civil, Angelo Borrelli, no seu boletín diario.

O número de persoas actualmente positivas é de 104.291, cun aumento de só 675 respecto ao luns. Delas, 73.094 (o 70 %) están illadas nas súas casas con síntomas leves, 28.011 ingresadas nos hospitais, e 3.186 en coidados intensivos. 

Francia supera os 15.000 mortos e os 100.000 contaxios

As autoridades sanitarias de Francia informaron este luns de que xa son 15.729 os falecidos no país a causa do coronavirus aínda que o número de pacientes que se atopan ingresados en coidados intensivos diminuíu por sexto día consecutivo. O número de decesos, 10.129 producíronse en hospitais, mentres que outras 5.600 rexistráronse en residencias de anciáns. En relación ao número de casos, Francia superou xa a barreira de 100.000 cun total de 103.573, 5.497 máis que o día anterior. 

Situación en Alemaña

A pandemia do coronavirus orixinada na cidade chinesa de Wuhan deixou en Alemaña máis de 125.000 persoas contaxiadas e provocou a morte de máis de 2.950, segundo o último balance do Instituto Robert Koch, a axencia gobernamental alemá encargada do seguimento das enfermidades contaxiosas.   

Nas últimas 24 horas, Alemaña sumou 2.082 casos novos de coronavirus e 170 falecidos, o que eleva o balance a 125.098  persoas contaxiadas e 2.969 vítimas mortais pola pandemia.