CRTVG

Buscar

As Medallas Castelao 2019 levan nome de muller

Publicado o 28/06/2019 20:16

O Goberno galego, por primeira vez nos 35 anos de historia das Medallas Castelao, entregou todas elas a un pleno de cinco mulleres nun acto no que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, enxalzou ao "feminismo democrático" como unha ferramenta que "viña completar unha realidade incompleta".

O máximo mandatario galego, durante o discurso que clausurou o acto, enalteceu o papel da muller en Galicia, un territorio que é unha "patria e unha matria" no que as mulleres teñen un especial papel os 365 días. "Admitamos que moitos homes non souberon, ou non soubemos entender que o feminismo viña completar unha realidade incompleta e que por tanto facíanos máis fortes a todos", reflexionou o presidente.

Neste contexto, Núñez Feijóo puxo en valor "o feminismo democrático" que "a diferenza doutras revolucións que teñen como obxectivo a substitución dunha parte da sociedade por outra, relegando ou atacando a aqueles que antes tiñan unha oposición teoricamente privilexiada, quere ser copartícipe na dirección da sociedade". Entende inaceptable, por tanto, a posición daqueles que ven "nas políticas de igualdade unha agresión ou na loita contra a violencia de xénero un exceso" como tamén ve "rexeitable o intento de apropiación partidaria" do movemento feminista.

Fronte aos extremos, Núñez Feijóo e o seu Goberno avogan por "un terceiro renacer" que en Galicia "ten o selo da muller galega" despois de anteriores etapas nas que o sector feminino estivo subordinado e obrigado a "pospoñer indefinidamente as súas reivindicacións". Aspiracións, as das mulleres, que non se poden atrasar máis no tempo porque Galicia sobrevive grazas ás avoas, nais e netas que habitan en cada unha das súas cidades e pobos. "Galicia é unha patria e unha matria. A nosa comunidade conxúgase en singular e en plural. En feminino e en masculino", proclamou o presidente galego. Unha conxugación de ambos os sexos da que a comunidade sae vencedora porque "Galicia é máis grande por que a muller recupera o seu protagonismo" e o fai "grazas á loita das precursoras" como as que hoxe foron galardoadas. As "pequenas conquistas" de cada unha das premiadas son algúns dos motivos que contribúen a "un gran triunfo sobre a ignorancia, a incomprensión e o fanatismo que tivo como vítimas ás mulleres".

 

As galardoadas

A primeira en recibir o premio foi a doutora Marisa Crespo Leiro (Cea, 1961), xefa da unidade de insuficiencia cardíaca e transplantes do Complexo Hospitalario da Coruña (CHUAC) e que visiblemente emocionada dedicoulle o galardón á súa familia e, sobre todo, ao seu equipo no centro médico; "como a Castelao a nós tamén nos gusta transformar os ideais en realidades". Crespo Leiro asegurou que para ela o conseguir facer realidade o seu soño desde nena, ser médico, é o maior premio e por iso, cada día aprecia "a grandeza de gozar do traballo cotián. Non me imaxino mellor profesión".

A seguinte en recibir o galardón foi Jeanne Picard (París, 1943), delegada de Stop Accidentes en Galicia desde que perdeu ao seu fillo Santiago aos 33 anos "vítima dun mal chamado accidente" hai 19 anos nos que "a súa ausencia segue presente", lembrou. Picard, unha "peregrina ao final do Camiño que se quedou en Galicia e botou raíces", como ela mesma definiuse, ten marcado o seu "compromiso cívico e ético" para "lograr cero vítimas no tráfico e traballar en beneficio da vida" despois de que a dor de perder a un fillo converteuse no motor para "unha loita activa".

A terceira premiada Teresa Portela Rivas (Cangas do Morrazo, 1982), piragüista galega que na súa dilatada traxectoria deportiva conta con numerosas medallas na súa palmarés ao que hoxe suma unha moi especial, a que representa a Castelao, recolleuna como "símbolo de esperanza para as novas xeracións de mulleres". Portela Rivas, "orgullosa" de ser galega, dixo sentirse moi identificada con Galicia e as súas xentes, dominadas por un lema que non se debe perder "insistir, insistir e nunca desistir".

Unha novata en recibir premios foi a seguinte condecorada, Benedicta Sánchez Vila (O Corgo, 1936), que foi actriz da película "O que arde", do cineasta galego Oliver Laxe, recentemente premiada polo xurado do festival de Cannes e que "nunca antes actuara ante unha cámara nin fixera cine". Dixo non crerse merecedora do premio que para ela xa supuxo o poder intervir na obra de Laxe, o que lle permitiu "coñecer os pobos e as xentes" ás que a rodaxe a levou.

A última medalla Castelao foi recollida por Verónica Veres en representación das tradicionais rederas galegas, que desempeñan un papel crave nun sector estratéxico de Galicia como é o marítimo. Veres agradeceu un premio gañado co "esforzo e o traballo" dun colectivo composto maioritariamente por mulleres que valoran que recoñezan a importancia da súa día a día para o crecemento de Galicia e tamén como unha forma "de facer cultura".

 

A orixe das medallas

A medalla Castelao foi creada en 1984 para conmemorar o retorno a Galicia dos restos de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, o 28 de xuño dese ano. O decreto de creación deste galardón indica que a perfección, o simbolismo ou a transcendencia das obras e do labor dos premiados con este recoñecemento debe ser o froito da entrega dunha vida, e o reflexo dun traballo conscientemente realizado con entrega e con fe na cultura, na historia e no ser dun pobo, segundo explica a Xunta. 

13:52

Verónica Veres recolle o premio en nome das redeiras galegas agradecendo que "se dea recoñecemento ao sector da pesca, tan importante para Galicia"

 

 

 

 

 

 

 

13:42

Benedicta Sánchez, "síntome como unha herba pequerrechiña"

13:36

Teresa Portela agradece a súa medalla como "símbolo de esperanza para as novas xeracións de mulleres"

 

 

 

13:26

Jeanne Picard recorda no seu discurso ao seu fillo, vítima dun accidente

 

 

 

13:19

A doutora Marisa Crespo recolle a súa medalla asegurando que é un "estímulo para o seu compromiso coa sanidade galega"

 

 

 

13:04

Entréganse as Medallas Castelao 2019 que este ano levan nome de muller

Entréganse as Medallas Castelao 2019 que este ano levan nome de muller

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

28/06/2019