CRTVG

Buscar

As matriculacións na FP medran un 5% este curso

Publicado o 07/10/2020 14:58

O mercado laboral galego leva tempo avisando: fan falta máis profesionais e menos licenciados... e semella que a mensaxe chega. As matriculacións medraron un 5% este curso. E hai xa máis de 56.000 alumnos que optan pola Formación Profesional para o seu futuro.

Nos centros confirman que non todo é cantidade e falan de calidade. O director do CIFP Politécnico de Santiago, José Manuel Leis, explica que "veñen moitos máis alumnos con mellores expedientes, o que quere dicir que optan por este ensino como a súa primeira e máis importante opción. Isto é moi importante para un país que queira desenvolverse e ter técnicos cunha alta cualificación".

A familia con máis demanda é a da sanidade, primeira no grao medio e segunda no superior. A crise da covid-19 reforza o interese por estes ciclos e por aqueles vinculados o mantemento en fábricas, alimentación ou sector marítimo, actividades consideradas esenciais durante o estado de alerta.

Con todo, Administración e Xestión de Empresas é a segunda máis demandada. Seguida de Informática e Comunicacións. Ciclos de tecnoloxías que, pola súa esencia, lideran a formación semipresencial en Galicia neste curso da covid-19.



 

Noticias web

07/10/2020