CRTVG

Buscar

As mariscadoras de Pontevedra quéixanse dos prezos baixos do marisco

Publicado o 10/03/2020 14:08

Máis dun cento de mariscadoras e mariscadores a pé das confrarías de San Telmo, San Gregorio e Santo André de Pontevedra e Poio traballaron hoxe na praia da Seca, en Combarro. É a segunda xornada de actividade despois do paro pola toxina que durou do 26 de febreiro ata o 5 de marzo. Onte traballaron na zona de Praceres, a menos produtiva, e recolleron uns 2.800 quilos de ameixa. Din que moitos non chegaron a cubrir o tope. Na lonxa, os prezos mantivéronse semellantes aos de antes do paro, pero os mariscadores quéixanse de que tiran á baixa. A ameixa xapónica cotizouse entre case 6 euros o quilo a máis pequena e 9 a de maior calibre.

Ángela Garcia, vicepatroa da confraría San Telmo de Pontevedra, explica que tiveron que ir traballar alá porque "teñen 12 días ao ano que van traballar alá, pero bueno, os prezos moi baixos. A zona de onte era moi mala. A metade da xente veu sen as capturas para a casa, sen o tope e os prezos moi baixos, tirados. A 5 e pico a seis e algo e a 9 e algo a extra, pero a extra a xente non colle nada, porque a zona en que foi non hai extra ningunha e a tampouco. A maioría b todo, e houbo xente que marchou con 4, 5, 6, 7 ou 8 quilos, sen coller o tope, que eran 10".

A cota que teñen fixada estes días é de 10 quilos de ameixa xapónica por persoa, pero hoxe é unha das xornadas que podían coller 7 quilos desta variedade e 1 de ameixa fina, pero esta é a máis escasa. Confían en que se pague máis o marisco porque din que cos prezos actuais non cobren gastos.

Ángela Garcia, vicepatroa da confraría San Telmo de Pontevedra, di que agora depende dos prezos, pero que levan dous meses fatal, porque estan quitando só para pagar o seguro. Estivemos pechados por toxina e isto está malísimo. Hai familias que viven 3 persoas do marisqueo e ti bótalle contas para pagar o seguro de 3 persoas, e sen gañar con que afrontas os pagos do día a día.

Esta semana poderán traballar todos os dias, excepto o xoves, pola festividade de San Gregorio, patrón da confraría de Raxó.

Noticias web

10/03/2020