CRTVG

Buscar

As mariscadoras de Noia retiran toneladas de lixo mariño da ría

Publicado o 13/11/2020 15:58

As mariscadoras de Noia botáronse hoxe á ría, pero non para apañar marisco. Foron recoller o lixo mariño que a marea deixa dentro dos seus bancos.

A de hoxe foi a segunda das sete limpezas organizadas polo proxecto Econoia, que busca concienciar do grave problema que temos co lixo mariño.

Nunhas horas de traballo lograron retirar toneladas de lixo, fundamentalmente plástico pero tamén pneumáticos, vidro, cabichas, cueiros e miles de pauciños dos oídos, que non se deben tirar polo baño porque rematan no mar.

Aquí pasaron o traballo de coller, clasificar e pesar todo este lixo que trae a marea e que afecta gravemente ao ecosistema e tamén ao sustento das mariscadores da ría.

Cando o mar se transforma en vertedoiro, a marea devolve obxectos insólitos. Impresionan os de maior tamaño, pero os máis perigosos son os pequenos, pilas ou plásticos miúdos que acabamos comendo nós.

Moitos chegan polos retretes, onde a xente bota cousas que non debe, como bastonciños ou produtos hixiénicos que acaban no mar.

Os 7.000 quilos de lixo recollidos en dúas horas de traballo dan idea da magnitude deste problema.

Noticias web

13/11/2020