CRTVG

Buscar

As mariscadoras da Illa de Arousa conciencian os nenos contra o furtivismo

Publicado o 19/02/2019 14:29

Os alumnos de segundo de primaria do CEIP Torre-Illa trasladaron as súas aulas por unhas horas ata a praia do Cabodeiro. Unha clase diferente para coñecer de primeira man e pór en valor o traballo das mariscadoras.

"Estamos vendo o tipo de ameixa e tamen o berberecho e como se collen as ameixas". "A diferenciar as ameixas, como se collen". "As mariscadoras traballan moito e tamén teñen un traballo moi bo porque as ameixas son moi ricas", din os nenos.

Un obradoiro que, ademais de ensinar, busca concienciar os pequenos sobre o dano que fan á profesión e ao medio os furtivos e os turistas que collen o marisco nas praias.

"Porque iso sería roubar, porque as mariscadoras fan moito traballo para collelas". "Os turistas non saben que as mariscadoras traballan, para coller as ameixas traballan moito". "Que non as collan, porque non se pode facer porque son das mariscadoras". "Non as metades no bolsillo, volvedeas á praia porque se non deixades sen marisco as mariscadoras e despois non poden traballar", aseguran os pequenos.

Unha lección ben aprendida coa que converten os pequenos en grandes aliados na loita contra o furtivismo.

"O que queremos é que os escolares, sobre todo desde nenos, se conciencien de que este é un traballo que hai que respectar, que si, a praia é de todos, pero poden gozar dela igualmente na zona máis alta da praia e cara abaixo que é onde está o marsico, no verán en vez de escarbar que lle poden facer dano ás ameixas non o fagan. E incluso se ven algun furtivo ou alguén que está botando a man, que os propios nenos sexan os primeiros en concienciar os adultos en dicir o que está ben e o que está mal", di Marta Iglesias, ex-mariscadora e responsable dos cursos.

Serán eles os que este verán consigan que moitas das ameixas que os bañistas meten nos caldeiros volvan á auga.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

19/02/2019