CRTVG

Buscar

As Mareas de Residencias saen á rúa para esixir unha lexislación que garanta "uns coidados dignos" para os maiores

Publicado o 26/09/2020 21:16

Familias de vítimas da covid-19, xunto a residentes, saíron á rúa de distintas cidades de España para protestar pola xestión nestes centros durante a pandemia. Falan de falta de medios e de persoal e piden un cambio no modelo para que a situación non volva repetirse. Aquí en Galicia, a concentración tivo lugar en Vigo. 

A Marea de Residencias percorreu as rúas de diferentes cidades españolas, entre as mobilizacións máis multitudinarias as de Barcelona e Madrid... Nas protestas lembraron os falecidos da pandemia nestes centros. Piden xustiza e esixen responsabilidades ao goberno central e ás CCAA. Non só denuncian a situación que se está a vivir nos xeriátricos, esixen un novo modelo residencial, con máis persoal cualificado e unha lexislación que garanta uns "coidados dignos aos seus usuarios".

"Pedimos unha xestión pública, que se vaian os fondos voitre das residencias, porque os residentes non teñen que dar beneficios a ninguén, teñen que estar coidados e non abandonados coma están agora que seguen confinados nas súas habitacións", di Mariví Nieto, membro da Marea de Residencias.

En Vigo, tamén marcharon en sinal de protesta pola xestión da residencia viguesa Salesas, tutelada pola empresa DomusVi. Entre os manifestantes había familiares de vítimas da COVID nesa residencia de maiores durante a primeira vaga da pandemia. Reclaman unha maior comunicación cos xestores do xeriátrico. Piden tamén máis transparencia á Xunta respecto das cifras de mortos e á hora de analizar o ocorrido neses centros.

Noticias web

26/09/2020