As marcas mudan as súas estratexias de comunicación durante a crise
Vivimos tempos de confinamento e incerteza. Neste escenario, as campañas publicitarias que nos animaban a viaxar ou mercar as últimas tendencias, carecen agora de sentido. Algunhas marcas suspenderon as súas campañas e outras adaptáronas ás circunstancias.
Din os expertos que a mellor estratexia agora é ser oportuno, non oportunista.
Xaime Conde, director da Axencia Quattro Idcp: "Non se trata de tentar ser guais, nin de quedar ben, nin de vender o teu produto. E coida que é bo recoñecer o traballo e as decisión que están tomando as grandes e tamén as pequenas empresas en Galicia, que están traballando e están poñéndose ao carón da xente e vendo cómo poden axudar e como poden poñer un gran de area para axudar a saír desta situación".
O que teñen claro os expertos é que esta crise vai supoñer un punto de inflexión. A sociedade revisará os seus valores e prioridades e ese é o reto ao que se enfrontan as marcas.
Xaime Conde, director da Axencia Quattro Idcp: "Que lle preocupa e que lle interesa á xente hoxe en día? Pois o que nos preocupa a todos. Como están os nosos pais, se os nosos pais enferman, se imos ter comida abondo, se mañá vou ter traballo ou non. E a comunicación e a publicidade ten que ter en conta todas estas situacións, os dramas que vai vivir a xente. E na medida en que as empresa sexan capaces de poñerse do lado da xente, pois vai haber empresas que vexan o seu comportamento e a súa actitude recompensados".
Despois do coronavirus volverán as campañas emotivas, agresivas, cargadas de positivismo, pero os consumidores seremos más esixentes.
Xaime Conde, director da Axencia Quattro Idcp: "Coido que teremos moitos anuncios positivos, optimistas. Pero que tamén se vai producir un cambio no comportamento da xente, porque a publicidade, a comunicación, é moito máis que un simple spot bonito, que pode emocionarme, senón que a comunicacion, a publicidade é como se comporta a empresa e como actúa, e iso é algo que o público, a xente, vai non só valorar, senón esixir das empresas".