CRTVG

Buscar

As máquinas comecartos dos bares activaranse mediante mando a distancia, para disuadir aos menores

Publicado o 21/07/2019 14:03

Faise xa coas máquinas expendedoras de tabaco e agora vaise facer tamén coas comecartos. A Xunta obrigará a instalar un mando nos bares para activalas. O Goberno galego retoma esta medida, logo de escoitar as alegacións á nova Lei de Xogo.

As máquinas comecartos que atopamos nos bares, a partir de agora, activaranse con un control remoto, tal e como ocorre coas expendedoras de tabaco. O Goberno galego faise eco das alegacións á nova Lei do Xogo e retoma esta medida, facéndoa obrigatoria, coa finalidade de que os menores non poidan acceder a elas. Dende o sector hostaleiro son máis partidarios dun dispositivo automático que lea o documento identificativo, para que a responsabilidade non recaia toda sobre o hostaleiro.

"Iso eu véxoo de marabilla. Xa as debían de quitar! Por min... Xa non debian existir as maquiniñas esas de xogos. E vexo moi ben que canto máis vixilen, mellor! Porque cantos menos vicios teñan os nenos e menos vexan esas cousas... Eu véxoo moi normal"... "Paréceme moi ben, todo o que sexa para beneficio... Moi ben, moi ben". "Paréceme ben, porque hai cousas que teñen que estar un pouco por enriba das apetencias, dos intereses económicos dos bares ou dos propios donos das comecartos. Paréceme mal a publicidade en televisión, concretamente, entre partidos e demais e de apostas". "Paréceme ben, para evitar que os menores inicien nestes xogos que causan adicción!".

Outras das medidas que inclúe a nova lexislación son aumentar a distancia das salas de xogos con respecto aos centros de ensino, que sobe de 150 a 300 metros; e limitar o número destes locais, así como das salas de apostas e bingos, de xeito que non se produzan apenas novas aperturas.

Noticias web

21/07/2019