CRTVG

Buscar

219 concellos galegos quedan xa libres de franxas e poden abrir o interior dos bares

Publicado o 22/05/2020 20:50

Hoxe mesmo os que vivan nun concello que non supere eses 10.000 habitantes poderán ter unhas liberdades adiantadas que, con seguridade, van facer a fin de semana máis levadía. Suprímense as franxas horarias para os nenos ou os paseos, as familias poderán saír xuntas e reabriranse os establecementos e mercados, excepto os locais de ocio nocturno. Son medidas de alivio que acaban de publicarse este venres no BOE e que responden a unha mellora da situación epidemiolóxica. 

Son como uns días de graza, como unha fase 2 adiantada, xa que as medidas se aplican desde xa. Iso si, son só para os que viven en concellos de ata 10.000 habitantes e cunha densidade de poboación inferior aos 100 habitantes por quilómetro cadrado.

A principal é a desaparición das franxas horarias para as saídas con nenos, para os paseos ou para o exercicio físico non profesional. Desde hoxe calquera destas opcións pódese realizar a calquera hora. Ademais os conviventes dunha mesma unidade familiar poden saír todos xuntos sen ter que atender ao número de persoas.

Esta fin de semana, nestes concellos, tamén poderán reabrirse ao público os establecementos de hostalería e restauración no interior dos locais sempre e cando non se supere o corenta por cento da súa capacidade e se cumpra coas medidas de hixiene e prevención.

Outra reapertura que se adianta á fase 2 é a dos mercados ao aire libre, dando preferencia aos que venden produtos alimentarios garantindo a non manipulación dos mesmos por parte dos consumidores.

Esta flexibilización de medidas chega tamén aos velorios, enterros, lugares de culto e apertura de instalacións deportivas ao aire libre respectando sempre as recomendacións de hixiene e seguridade.

En principio, en Galicia beneficiaranse desta medida unas 280.000 persoas, as que viven en concellos de menos de 10.000 habitantes, e ata 219 dos 313 concellos galegos (o 70%). Para eles esta fin de semana será, nunca mellor dito, máis aliviada.

Noticias web

22/05/2020