CRTVG

Buscar

As inundacións en Alemaña e Bélxica suman 159 mortos e segue a busca de desaparecidos

Publicado o 17/07/2021 14:16

En Alemaña dan por feito que a cifra de mortos vai seguir aumentando. Os desaparecidos cóntanse por ducias. A súa busca é prioritaria. Unha muller lamenta a perda de tantas vidas e que aínda se estea buscando xente.

Nos puntos onde a chuvia deu este sábado algo de tregua, trabállase nos labores de desentullo pero aínda hai zonas en alerta por precipitacións que centran os esforzos en evitar máis rebordamentos. De noite, houbo que evacuar centos de residentes na cidade de Heinberg, próxima á fronteira cos Países Baixos, tras romper un dique de contención. A este home as inundacións collérono dentro do seu establecemento. Di que en quince minutos a agua chegou a un metro de altura e que se tivo que refuxiar no andar superior, sen poder reunirse cos seus nin ir a ningures.

Alemaña é un país afeito a loitar contra as crecidas dos seus ríos pero desta volta viuse superado pola emerxencia climática. Moitos cidadáns perderon a vivenda e o medio de vida e os danos en infraestruturas básicas son enormes. De momento non se puido facer unha avaliación económica das perdas. Está previsto que esta semana o goberno aprobe un paquete especial de axudas para os damnificados.

Bélxica, o segundo país máis afectado polas inundacións, supera a vintena de mortos e tamén teme seguir sumando vítimas cando se retiren as augas e se visibilice ao completo a dimensión da traxedia.

Xa empezaron a facer unha estimación de danos para declarar zona catastrófica as áreas anegadas. As inundacións obrigaron a evacuar milleiros de persoas e moitas máis sufriron danos nas súas propiedades.
"Todo o mundo está en shock, chorando", di esta muller.
Pedro Sánchez ofreceu o apoio de España nos labores de rescate. O presidente urxiu a actuar para frear o cambio climático e evitar novas traxedias.

Noticias web

17/07/2021