CRTVG

Buscar

As Illas Atlánticas rexistran 400 reservas nunha semana

Publicado o 23/03/2021 14:07

Son unha das grandes xoias naturais galegas. As Illas Cíes xa contan con máis de 300 reservas confirmadas para a Semana Santa, e preto dun cento de persoas tramitaron a solicitude para visitar a illa de Ons.

"Ás Cíes imos viaxar dende este sábado ata o domingo de Pascua, e a Ons dende o Xoves Santo ata o día 4", explica María Moledo, coordinadora comercial da navieira Mar de Ons.

O 15 de marzo abriu de novo a petición de autorizacións vía telemática, tras estar sen actividade dende outubro.

"É un alento, para retomar un pouco a actividade á que estabamos acostumados todos estes anos".

Dende o Goberno galego defenden a posta en valor do turismo de natureza, sobre todo en tempos de pandemia, pero fan un chamamento.

"O que pedimos é responsabilidade, poder desfrutar das illas, do mar, pero sempre con sentidiño, polo noso ben, pero tamén polo ben do gran patrimonio natural que temos que seguir conservando", di Ángeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente.

Dende a súa entrada en vigor en 2019, o plan reitor de uso e xestión do Parque Nacional limita a capacidade máxima das Cíes a 1.800 persoas por día, e a 1.300 no caso de Ons.

Noticias web

23/03/2021