CRTVG

Buscar

A Revista

As igrexas de Tui e de Bos Aires están irmandadas pola doazón dunha reliquia de san Telmo

Publicado o 27/01/2017 12:48

Unha das igrexas principais de Bos Aires garda entre os seus muros unha reliquia do patrón dos mariñeiros, san Telmo. Unha tradición relixiosa que viaxou desde o concello pontevedrés de Tui, co que comparten santo e irmandade, grazas á fidelidade dos tudenses que residen na capital arxentina.

No medio dun dos barrios máis turísticos de Bos Aires eríxese a Igrexa de San Pedro González Telmo, unha das máis antigas da cidade e coñecida por conservar no seu interior unha reliquia deste santo natural de Fromista en Palencia, que predicou en Galicia e Portugal e cuxos restos repousan no municipio pontevedrés de Tui.

Jorge Alberto Hallmann, integrante da Irmandade de San Telmo: "É o protector dos navegantes e, á marxe de que se recorde e se respete, hai numerosos milagres de xente que se encomendou aquí na Arxentina no medio de tempestades e tormentas a San Telmo e lle pediu que o salvara e foi rescatado en mares bastante bravos do sur".

As primeiras reliquias de San Pedro Telmo chegaron a Bos Aires en 1942 de onde foron roubadas. Pero a devoción dos ferigreses deste templo fixo que a diócese de Tui premiase ós porteños cunha nova reliquia de primeiro grao, unha das poucas que quedan esparexidas polo mundo.

Jorge Alberto Hallmann, integrante da Irmandade de San Telmo en Bos Aires: "Sempre estivemos moi agradecidos ao bispado de Tui que en dúas ocasións nos enviou reliquias e estamos venerándoa permanentemente".

Declarado Monumento Histórico Nacional na Arxentina, os vínculos que este templo de orixe xesuita ten coa nosa comunidade van máis aló.

Nada máis entrar no seu interior recíbenos unha imaxe de vestir traída directamente de España e franqueada por catro bandeiras que enaltecen a figura do patrono dos mariñeiros.

San Telmo é venerado nesta igrexa por galegos e italianos a partes iguais. Un curioso símil para unha cidade cuxos habitantes, como apuntan os ditos populares, "viñeron dos barcos".

Fernando Miguel Alonso, integrante da comisión directiva da Asociación Tui - Salceda de Bos Aires: "Para min é o símbolo da emigración, máis que da cultura galega ou da Iglexa. Cada inmigrante creo que está representado nese pequeno barco".

A piques de facer 100 anos, a Asociación Tui - Salceda de Bos Aires non falta cada primeiro domingo de setembro a súa cita co Santo patrono.

Horcio Saltarelli, presidente da asociación mutual Tui - Salceda de Bos Aires: "Estamos ansiosos de que chegue esa data para vir a colaborar coa festa patronal".

Eles son os encargados de poñer a nota folclórica e musical a unha festividade relixiosa que mobiliza devotos ata no punto máis austral do planeta.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

A Revista

27/01/2017