CRTVG

Buscar

Telexornal Mediodía

As historias de Tintín en máis de 80 linguas na Biblioteca da USC

Publicado o 27/02/2015 15:22

As historias de banda deseñada poden ser un gran recurso para coñecer outros mundos e outras falas. Esta é a idea que da pé a unha exposición organizada pola Universidade de Santiago sobre as publicacións de Tintín, a historieta máis traducida do mundo.

Chinés, cantonés, nepalí, alsaciano, galego, arabe, crioulo, esperanto, latín... e ata cen linguas máis 'fala' hoxe por hoxe Tintín. Desde os anos 80, a editorial belga que publica a obra de Hergé non para de ampliar os dominios lingüísticos do famoso reporteiro. Non só linguas oficiais, senón tamén variantes dialectais. Só ca en Bélxica, onde Tintín e o seu autor son patrimonio nacional, hai dezaseis edicións diferentes. Hoxe en día, en todo o mundo hai máis dun cento, das que Pedro Rey un dos maiores especialistas e coleccionistas da obra de Hergé, logrou recompilar 86, coas que nos propón unha viaxe global a través desta mostra.

"O que permite é reflectir unha diversidade cultural; a través da banda deseñada pódense aprender idiomas, ver como se traballa coas linguas", di o coleccionista. "É un xeito de ver como se traducen frases que aos que lles gusta Tintín xa coñecen de memoria no noso idioma".

A exposición inclúe algunha das 500 figuras que este apaixonado "tintinófilo", como el mesmo se define, foi xuntando durante máis de 30 anos. É tamén o autor dun blog que xa é unha referencia internacional sobre a obra de Hergé. Esta volta ao mundo do creador belga en 80 linguas estará aberta durante os próximos tres meses na Biblioteca da Diversidade Cultural da Universidade de Santiago.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí