CRTVG

Buscar

As granxas tardan só 2,5 anos en recuperar o investimento fotovoltaico, asegura o Clúster do Autoconsumo

Publicado o 04/02/2020 13:21

As enerxías renovables, especialmente a fotovoltaica, estanse a converter na solución máis eficiente para granxas afastadas da rede eléctrica ou que precisan dunha cantidade extra de enerxía. No cluster do autoconsumo de Galicia calculan que, no caso das empresas agrarias, bastan dous anos para recuperar o investimento.

Cando decidiu procesar e distribuír el mesmo os produtos da súa explotación agrogandeira, Xosé García Freire precisaba máis enerxía e barallou pagar el mesmo un novo transformador.

"Eran 25.000 euros que tiñamos que gastar e despois regalarllos a unha compañía que despois inda nos ía cobrar todos os meses pola factura da luz", lamenta.

A opción de usar un xerador a gasóleo? Un gasto de 2.000 euros mensuais. Insostible para unha explotación que empeza.

Así que optaron polas renovables, que, ademais, casaban mellor coa filofosía da produción en ecolóxico. 

"Para instalacións illadas, eu recoméndoo pero segurísimo. Porque nós aquí, no inverno é unha zona de bastante néboa na que ao mellor pasamos bastantes días sen ver o sol, e aínda así o resultado das placas é bastante mellor do que eu esperaba", explica este gandeiro que procesa e distribúe os seus propios produtos.

Hoxe, funcionan con fotovoltaica 800 granxas galegas. No caso da de Xosé, non só dá para a maquinaria de pasteurizar e envasar o leite e os iogures... e a dos queixos. Por riba, ten excedente para desenganchar da rede a propia vivenda.

Ademais, producir fotovoltaica de xeito eficiente e axustado á demanda, ten subvencións que cobren a metade do custo da instalación.

"O cliente non ten que facer ningún trámite nin ten que saber a onde ter que acudir, senón que as propias empresas nos encargamos de facer toda a tramitación e despois a legalización", conta Xosé Manuel González, o presidente do Clúster do Autoconsumo de Galicia.

Empresas que crean emprego co cambio de modelo enerxético.

Noticias web

04/02/2020