CRTVG

Buscar

Os dous soles Repsol recoñecen a cociña atlántica do restaurante As Garzas de Malpica

Publicado o 14/04/2021 15:05

Dous soles da prestixiosa Guía Repsol viaxaron este ano ata o porto do Barizo, en Malpica. Alí está o restaurante As Garzas, que logrou destacar entre os mellores de España pola súa cociña atlántica.

Fernando Agrasar, do restaurante As Garzas: "É bo que nestes momentos en que o ánimo pode decaer cheguen estes recoñecementos, dan pulo para seguir, cargar pilas e facer cousas novas".

Os soles da Guía Repsol chegan para iluminar a Fernando despois da escuridade da pandemia. Coas restricións reduciu o horario e a carta, pero non deixou de ofrecer uns pratos que, por frescura e proximidade, saltan do mar á mesa.

Fernando Agrasar, do estaurante As Garzas: "Imos a lonxas coma a de Malpica e a de Laxe, é produto fresco que levamos ao prato co máximo respecto".

Pratos que maridan cun lugar fermoso, bravo e illado, o do porto de Barizo, en Malpica, do que se namoraron hai xa 30 anos.

Fernando Agrasar, do restaurante As Garzas: "O día que está o mar bravo ou que hai temporais grandes é unha preciosidade"

E quen quede atrapado pola paisaxe, ou polo viño, pode aloxarse nalgún dos catro cuartos deste recoñecido templo da gastronomía galega.

Noticias web

14/04/2021