CRTVG

Buscar

As garderías coinciden en que non se debe abrir antes da fin da desescalada e piden á Xunta un protocolo

Publicado o 25/05/2020 19:28
As garderías coinciden en que non se debe abrir antes da fin da desescalada e piden á Xunta un protocolo

A Consellería de Política Social reuniuse co sector educativo este luns para abordar a apertura dos centros para menores de tres anos, nun encontro en que tanto entidades públicas como privadas coincidiron en que, de producirse, esta non debería ser ata despois de concluír o plan de desescalada.   

Coa entrada de Galicia na segunda fase do proceso, a comunidade autónoma ten a potestade de decidir sobre a apertura dos diferentes centros educativos e as escolas infantís, aínda que de momento a Xunta non desvelou os seus plans para os menores de 0 a 3 anos.   

Política Social "reflexionará" respecto diso tras escoitar este luns o sector e comunicará unha decisión, segundo trasladaron responsables destes centros, esta mesma semana.   

Á espera de que o Goberno galego faga pública a súa postura, todo parece indicar que as gardarías non abrirán nesta segunda fase e non o farán antes de concluír o plan de desescalada, é dicir, antes do 22 de xuño.   

As escolas trasladaron á Xunta un consenso respecto desta cuestión: sería precipitado en pleno proceso de relaxación das restricións de mobilidade e de observación da evolución do coronavirus.   

Unha parte dos centros opta por abrir xa a finais de xuño e o mes de xullo, mentres que outra prefire esperar ao mes de setembro.