CRTVG

Buscar

As funerarias piden máis medios de protección ante posibles contaxios

Publicado o 23/03/2020 15:17

Temos máscaras para dous ou tres días de actividade, din desde unha funeraria compostelá. A escaseza de equipamento de protección individual para o seu traballo de manipulacion de cadáveres é a maior inquedanza que teñen ante o avance e efectos do contaxio por coronavirus.

José Manuel Rodríguez Castelao, responsable de Funeraria Apóstol: "Estamos a utilizar estes guantes para o día a día, non para estas circunstancias excepcionais que estamos a vivir. Por iso ese medo, e porque non temos maneira de obtelos. Todos os distribuidores e fabricantes destes EPI foron intervidos polo Goberno e non contamos con ningunha empresa que nos poida enviar este material. Parece ser que está a ser acopiado polo Sergas e, coma sempre, somos os esquecidos".

O COVID-19 obrigou a cambios nesta actividade como evitar a manipulación de cadáveres, a posibilidade de inhumación ou incineración sen agardar que pasen 24 horas desde a falecemento ou limitar a asistencia a velorios e enterros. Trátase de reducir ao máximo as posibilidades de contaxio. E no sector advirten dunha anomalía que podería ir contra ese obxectivo.

José Manuel Rodríguez Castelao, responsable de Funeraria Apóstol: "Algunhas empresas de ámbito nacional están a obrigar algúns traballadores a ir para Madrid para exercer alí. Iso está totalmente prohibido e é tamén motivo de inquietude para nós, porque logo volven para aquí e non van cumprir corentena e poderían traer contaxio para todos".

Engade que a demanda de actividade en Galicia está dentro do normal. Lembra que os servizos fúnebres tamén son necesarios e imprescindibles en situación de pandemia, polo que reclama a dotación axeitada de equipamento de protección.

Noticias web

23/03/2020