CRTVG

Buscar

Telexornal Mediodía

As fotografías de Xosé Suárez chegan a Bos Aires por primeira vez

Publicado o 19/10/2016 15:25

Por primeira vez, as imaxes dun dos fotógrafos galegos máis importantes do século pasado, as de Xosé Suárez, poden verse na Arxentina. A mostra é unha iniciativa da Fundación Cidade da Cultura de Galicia e seguirá nos próximos meses o seu periplo por Latinoamérica.

O Centro Cultural Borges de Bos Aires, acolle ata o vindeiro 19 de novembro a mostra "Xosé Suárez. Uns ollos vivos que pensan".

Trátase do primeiro monográfico póstumo presentado no exterior dun dos fotógrafos galegos máis importantes do século pasado.

Unha iniciativa da Fundación Cidade da Cultura de Galicia.

"Unha figura que ten esta cualidade cultural e que sobretodo une o que é a Galicia dun periodo determinado co resto do mundo había que divulgalo e presentalo noutras partes do mundo", di María Pereira, directora de Acción Cultural da Fundación Cidade da Cultura.

A mostra recolle algunhas das series máis representativas deste artista natural de Allariz, realizadas en Galicia, pero tamén durante o seu exilio na Arxentina, ou Xapón, entre outros, e complementada con documentación da época e materiais persoais.

"Dá a coñecer, sobre todo, esa visión que ten sobre o mundo Xosé Suárez. Se nos fixamos na mirada do mariñeiro, é a mesma mirada que a do gaucho, que a do traballador da Mancha ou dos mesmos traballadores que el vai fotografiar", di Manuel Sendón, comisario da mostra.

Picados, contrapicados, fragmentacións. O estilo innovador de Suárez é inconfundible, xa que logrou pór ó servizo dos seus proxectos, onde o home sempre foi protagonsita, os recursos das vangardas.

Esta exposición con vocación itinerante que busca potenciar o recoñecemento da obra de
Suárez no exterior continuará de xira por outras cidades de latinoamérica. A seguinte parada será Montevideo.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí