CRTVG

Buscar

Telexornal Serán

As forzas iraquís e kurdas estreitan o cerco sobre o Estado Islámico e Mosul

Publicado o 18/10/2016 21:32


O exército iraquí e os kurdos estreitan o cerco sobre Mosul no segundo día da ofensiva que busca arrebatarlle ao Estado Islámico o seu maior feudo en Iraq. Ata agora conseguiron recuperar varias aldeas nos arredores da cidade. A ONU alerta que a batalla de Mosul pode desencadear a maior crise humanitaria de 2017 con centos de miles de desprazados.

Toda guerra ten o seu componente propagandístico e o Estado Islámico, como xa nos ten habituados, puxo a súa máquinaria audiovisual a funcionar para amosarlle ao mundo que a vida en Mosul continúa allea ás bombas. Os que falan á camara, todos homes, din que a vida é normal e que as novas sobre o avance da coalición sobre a cidade son mentiras de infieis.

O certo é que as forzas iraquís e os 'peshmerga' kurdos, polo nordés están xa en Jazer, a 17 quilómetros de Mosul. Os kurdos, que non participarán no asalto final á cidade, recuperaron o control dunha ducias de aldeas. A pesar de que Iraq censurou a presenza de Turquía no país, cazas turcos participan nos bombardeos da coalición liderada polos Estados Unidos. O exército iraquí tamén avanza polo sur cara á comarca de Al Shura, unha zona controlada polos xihadistas e tamén intensamente bombardeada. Polos corredoiros humanitarios xa se ven os primeiros desprazados, aínda que o verdadeiro éxodo non se agarda ata que comece a batalla en Mosul. O réxime de Damasco acusou a Washington de permitir a fuxida dos xihadistas pola zona oeste de Mosul aos seus bastións en Siria.
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Telexornal Serán

18/10/2016