CRTVG

Buscar

Haberá controis de mobilidade no Carballiño, O Irixo e Boborás

Publicado o 14/10/2020 15:03

Vai para unha semana que as reunións de non conviventes están prohibidas no Carballiño, onde ademais dende este sábado se incrementaron as restricións en canto a bares e limitacións de capacidade pero o número de contaxios non deixou de medrar. Oito máis nas últimas horas. 

"Non apreciamos ningunha tendencia á contención nin moito menos á redución por tanto hai que seguir incrementando as medidas", asegura Félix Rubial, xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco.

Ademais do Carballiño, as restricións de mobilidade afectan tamén os concellos do Irixo e de Boborás, onde o número de casos preocupa. Non se poderá saír nin entrar sen causa xustificada, por razóns médicas, laborais ou educativas. Dentro desta área si se poderán mover cumprindo sempre coas restricións vixentes.

As forzas de seguridade despregarán un amplo dispositivo para garantir que se cumpran as restricións, as mesmas que xa están en vigor en Ourense e Barbadás onde a evolución da pandemia está contida, aínda que moi por riba da media galega.

Ademais de no Carballiño tamén se incrementaron as restricións en Verín, que pasa a nivel 3 coa prohibición de servir no interior dos bares, aínda que a maioría xa pechou voluntariamente. E tamén en Celanova que non tiña ningunha limitación pasa a nivel 2, con afluencia ao 50%.



 

Noticias web

14/10/2020