CRTVG

Buscar

As Forzas Armadas traballan no exercicio 'Eagle Eye' en Ferrol

Publicado o 26/06/2019 21:40

O Mando de Defensa e Operacións Aéreas pon a proba o sistema de defensa nacional na zona de Ferrol co exercicio Eagle Eye que se desenvolve durante máis dunha semana. Integra capacidades do Exército de Terra, do Aire e da Armada para a vixilancia do espazo aéreo co fin de mellorar as sinerxias a través dun adestramento conxunto das Forzas Armadas. 

"O obxectivo deste exercicio é conseguir unha integración de todos os medios para lograr unha maior eficacia ante unha posible ameaza para a defensa e protección do espazo aéreo de soberanía nacional", en palabras do tenente coronel de Artillería, Santiago Serantes Vergara.

Un mísil portátil para baixa ou moi baixa altura ten un alcance máximo de 6 quilómetros. Pero unha Unidade de Defensa Antiaérea componse de diferentes sistemas de armas moito máis esixentes. 

"Despregamos o sistema Nasams que ten un alcance de 25 quilómetros, o sistema Hawks cun alcance de 40 quilómetros, o sistema Mistral con 6 qiulómetros e o sistema de cañóns 35/90 cun alcance aproximado de 4 quilómetros", explica o tenente coronel de Artillería, Santiago Serantes Vergara.

No océano Atlántico a fragata Blas de Lezo da Armada actúa como medio de detección e alerta temperá no mar. No aire, cinco cazas Eurofighter do Ala 11 saíron do aeródromo militar de Santiago para integrarse como parte deste Núcleo de Forza Conxunta. Unha operación que contribúe a mellorar a seguridade e defensa de todo o territorio nacional ante unha posible ameaza.

Noticias web

26/06/2019