CRTVG

Buscar

As festas rematan en Galicia con 6.700 casos activos e case 420 hospitalizados

Publicado o 07/01/2021 10:31

• A positividade segue en valores altos: 8,04 %, tras 639 PCR positivas

• A área da Coruña supera a de Santiago como a que máis casos activos ten (1.470)

As festas rematan en Galicia con 6.700 casos activos e case 420 hospitalizados

Segundo os últimos datos do Sergas, consolidados onte ás 18:00, hai 6.700 persoas diagnosticadas con covid-19 en Galicia, 296 máis ca onte. A cifra de novos contaxios volve superar o limiar dos 600 (678. 639 confirmadas por PCR).

Os festivos de Nadal rematan con 1.045 casos máis dende o 24 de decembro, logo de acumular case 6.500 novos contaxios nestas últimas dúas semanas.

Por áreas sanitarias a repartición dos casos activos é a seguinte:

• A Coruña: 1.470 (+93)

• Santiago: 1.453 (+11)

• Vigo: 1.260 (+114)

• Pontevedra: 735 (-8)

• Ourense: 764 (+30)

• Lugo: 619 (+44)

• Ferrol: 399 (+12)

Soben as hospitalizacións

Increméntase a presión hospitalaria respecto a onte. Hai 419 persoas ingresadas nos hospitais galegos con covid-19: 362 en planta (+20) e 57 nas UCI (=). Dende o dous de decembro non se tiñan datos de hospitalizacións tan elevados.

Por desgraza, a cifra de vítimas volve ascender logo da notificación por parte do Sergas do pasamento de catro persoas. No que vai de pandemia, faleceron en Galicia 1.431 persoas.

A positividade mantense alta

Notifícanse 7.944 probas PCR (+192). Delas, dero positivo 639, máis da metade concentradas nas áreas de Vigo e A Coruña.

Así, partindo dos datos facilitados polo Sergas, a taxa de positividade acada un 8,04 %, que se consolida en valores altos tras case dúas semanas por riba do 5 %, nunha media de 6,93 %.

Mapa de incidencia e restricións por concellos