CRTVG

Buscar

As Festas de Santa Rita, en Vilagarcía, despídense ata o ano que vén cun amplo programa de actos

Publicado o 22/05/2019 14:29

Hoxe é o último día da romaría de Santa Rita, en Vilagarcía. Unha das máis soadas de Galicia. Exemplo disto son os milleiros de persoas que se achegan hoxe para facer as súas peticións e ofrendas dende toda a comunidade. Este día, festivo na vila, tamén terá diversión para os máis cativos. 

Esta é a imaxe que se repetiu durante toda a mañá no exterior do Convento de Vista Alegre, en Vilagarcía. Ringleiras de xente no exterior esperando a entrar nunha das multitudinarias misas que se celebraron cada hora dende as seis da mañá na honra a Santa Rita. Unha santa que chegou a Vilagarcía da man dunhas monxas agostiñas, e que dende entón non fixo máis que aumentar o fervor entre a xente máis devota.

Ata aquí achéganse persoas de moitos puntos de Galicia, algunha incluso peregrinando, para deixar as súas ofrendas, en forma de flores ou cera, debido á súa popularidade.

É avogosa dos imposibles e ademais cumpridora, segundo din, aínda que, como adoita acontecer nestes casos, prefiren manter as promesas persoais en segredo.

Á saída da misa, a carón do templo, decenas de postos de produtos típicos coma rosquillas son os encargados de adozar a xornada, que se desenvolverá con xogos e actividades para que os máis pequenos poidan desfrutar deste día festivo en Vilagarcía. Ás oito da tarde, a santa volverá ser a protagonista, e sairá en procesión polas rúas da vila poñendo fin a esta romaría.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

22/05/2019