As festas de aniversario, no punto de mira de varios contaxios
As festas de aniversario están no punto de mira de varios contaxios. En Lleida hai 20 persoas contaxiadas por asistir a unha destas festas. Este motivo, e tamén os contaxios na industria agroalimentaria, en concreto en varios matadoiros, alonxan esta provincia catalá de pasar á fase dúas.
En Murcia tamén están moi pendentes por novos contaxios,. En Archena hai un brote de 5 afectados dunha mesma familia. E, nesa mesma rexión, en Totana, tamén quedan na fase un. Alí saltaron as alarmas por seis novos positivos, dos que catro son familiares. Isto fixo que 45 persoas da localidade estean en corentena.
Cambiamos de comunidade. Imos ata as illas Canarias, xa que en Tenerife, nove membros dunha mesma unidade familiar contaxiáronse do coronavirus. Viven todos no mesmo edificio.
A responsabilidade ou a falta dela están no centro da cuestión. Segundo os últimos informes da OMS, non parece haber perigo dun rebrote masivo de coronavirus, pero si advirten de posibles rebrotes puntuais. É o caso de Lleida, en fase 1, onde apareceron 3 novos focos. Un deles con 20 contaxiados nunha festa de aniversario que, de non ser detectado, podería aumentar os contaxios de xeito esponencial.
Os rebrotes apareceron tamén en Archena ou Totana, a única localidade murciana que non puido pasar á fase 2 por 6 novos casos. E isto, din os espertos, vai formar parte da nova realidade e moito máis se incumprimos coas medidas de distanciamento social ou co uso da máscara.
A verdade é que o incumprimos case desde o comezo desta historia. Botellóns na rúas cando aínda estabamos en confinamento. A policía vixiando as terrazas ou recordándolles aos paseantes barceloneses que inda están en fase 1, e iso, só poden pasear, non sacar o 'tupper' e sombrilla. Ou esta imaxe, é o enterro dun mozo en Guía de Isota, en Tenerife. Centos de persoas que non gardan ningún tipo de distanciamento. E non somos os únicos. En Italia xa teñen unha campaña para evitar os rebrotes.