CRTVG

Buscar

As festas de agosto fan que medre a incidencia da covid en Arzúa e no Pino

Publicado o 31/08/2021 15:03

Por Arzúa pasaron este mes máis de 20.000 peregrinos dos 43.000 que chegaron a Santiago neste mes de agosto. Tendo en conta que o municipio ten apenas 6.000 habitantes, parece comprensible achacar aos camiñantes chegados de todo o mundo o crecemento dos contaxios dos últimos días.

Nada máis lonxe da realidade. Tanto hostaleiros como veciños como o propio alcalde de Arzúa, José Luis García, teñen claro que a causa está nos encontros familiares e nas festas de mediados de agosto.

Unha tese que ademais confirman desde o servizo de medicina preventiva da área sanitaria de Santiago, que sitúa a orixe, sobre todo, nas festas do concello veciño de Melide. O cribado que realizaron o venres en Arzúa detectou tres positivos entre os mozos convocados que acudiron, só o 34 por cento do total Esta mesma tarde, citan outros 242 mozos no centro de saúde do Pino.

Esperan deste xeito frear a escalada de contaxios e evitar novas restricións. Porque do contrario "sería moi malo tendo en conta que o que se pretende e prolongar a temporada de peregrinos ata o mes de setembro", di García. 

Tanto Arzúa como O Pino están en nivel baixo de restricións.

Noticias web

31/08/2021