CRTVG

Buscar

As farmacias galegas expiden os primeiros certificados do autotest de antíxenos

Publicado o 29/07/2021 15:11

Dende hoxe, nas farmacias galegas tamén se certifica o resultado do test de antíxenos. Con ese papel os menores de 35 anos poderán acceder á hostalería nos concellos de risco alto.

"Teño cita, veño facer o test de antíxenos". Pablo, de 16 anos, é un dos primeiros mozos en facer uso deste novo servizo de certificación que prestan algunhas farmacias galegas.

"Paso o verán no Grove que ten un dos niveos maís altos de restricións e se quero entrar nun bar cos amigos preciso este certificado". Despois de mercar o test de antíxenos, a farmacéutica acompáñao a unha zona illada e segura. Alí o primeiro será asinar un consentimento e escoitar os consellos para tomar a mostra correctamente.

Extraída a mostra, a farmacéutica encárgase de facer o test e de agardar, comunicar e certificar o resultado.

Natalia Martínez Reboredo, farmacéutica, di que "comunicamos en 15 ou 20 minutos o resultado. Se é negativo, expedimos o certificado para que o poidan usar, e se é positivo, comunícase ás autoridades e á persoa para que se confine".

Pablo recibirá no correo electrónico ou en papel o seu resultado negativo. Un certificado válido para entrar nos locais con restricións nas vindeiras 72 horas, pero só en Galicia.

"É válido só para Galicia, para entrar en centros de ocio e restauración. Non se pode usar para Portugal, nin para viaxes de avión ou noutras comunidades", explica.

Nalgunhas farmacias, a escaseza de tests e unha incidencia informática atrasou a expedición duns certificados aos que poden acceder ata 4 veces os mozos de entre 13 e 35 anos.





 

Noticias web

29/07/2021