CRTVG

Buscar

As farmacias da Coruña colaborarán con Sanidade nun cribado de persoas de 12 a 64 anos

Publicado o 18/05/2021 18:29

A través da Dirección Xeral de Saúde Pública, a Consellería de Sanidade creou un programa de colaboración ao que as farmacias se foron unindo voluntariamente para realizar cribados masivos. Neste caso, os cidadáns de 12 a 64 anos que o desexen poderán, a partir do día 19 de maio pola tarde, acceder á realización dun test de saliva a través das oficinas de farmacia.   

Segundo informou o Colexio Oficial de Farmacéuticos da Coruña, a iniciativa ponse en marcha tras as fases iniciais levadas a cabo nos municipios de Arteixo e Culleredo desde mediados de marzo, e o cribado en adolescentes de toda a provincia que arrincou o 19 de abril e en que participan na actualidade 476 farmacias da provincia, un 85 por cento das existentes.   

"Tanto as autoridades sanitarias como as farmacias e a distribución farmacéutica, están a poñer todo a punto para arrincar con este novo cribado dirixido xa á poboación de idade intermedia, e podendo ser solicitada polos cidadáns que o requiran de maneira gratuíta", explican.   

O farmacéutico pode suxerir a realización da proba, ou ben actuar a pedimento dos propios interesados. As condicións para participar son similares ás xa coñecidas.

Así, poden acceder cidadáns con tarxeta sanitaria do Sergas vinculada á provincia, que non tivesen resultado positivo en Covid-19 no últimos tres meses nin sexan contactos de seguimento. Tampouco poderán presentarse aqueles que fixesen PCR nos últimos 15 días ou presenten síntomas de infección por coronavirus.   

Unha vez identificado o paciente obxecto da súa inclusión no cribado, a farmacia dará ao interesado, ou ben ao titor no caso dos menores de 16 anos, unha folla de consentimento que deberá cumprimentar, e faralle entrega dun kit para o seu uso persoal que deixará rexistrado, vinculado á súa tarxeta sanitaria, e cun teléfono de contacto para a comunicación dos resultados.   

Tamén o informará de como recoller adecuadamente a mostra e cando levala á farmacia. O paciente debe recoller unha mostra de saliva pola mañá, antes de beber ou lavar os dentes e posteriormente entregala na farmacia seguindo as pautas e prazos dados, onde realizarán a recepción e custodia da mesma ata o seu envío ao laboratorio de referencia en Vigo.

Noticias web

18/05/2021