CRTVG

Buscar

As familias que acollen os nenos Chernobyl en Galicia notan melloría na súa saúde

Publicado o 21/07/2019 21:04

Diana é de Novozybkov, ao sur de Rusia, ten 16 anos e leva vindo a Galicia dende que ten sete. Gústalle moito o xamón e di que cando está aquí non lle doe a cabeza, o seu fogar está a case 300 quilómetros da zona cero do desastre nuclear de Chernobyl. Diana é unha dos 60 rapaces que chegaron este verán, a pasar os dous meses das súas vacacións por terras galegas e recuperar saúde. A súa familia de acollida en Vilaboa explica que malia que estea un pouco esquecido, todos estes nenos seguen sufrindo os efectos da radiación e da contaminación na auga, nos cultivos e no ambiente.

Matilde Gómez explica que "aquí en Galicia é a Asociación Ledicia Cativa a que xestiona todo para traelos. As súas familias teñen constancia de que se veñen aquí son anos de saúde que gañan. Ou sexa que non é unha mellora só en apariencia, senón que esa saúde se queda establecida no seu corpo. Ela di que alí pois que lles doe a cabeza, pois unha cousa coma esa... Que lles doe sempre a cabeza! E veñen aquí e non lles doe! E pasaron tantos anos e está un pouco como esquecido, pero os efectos seguen aí! Básicamente é un tema de saúde. Entón animo á xente a que colabore, a que poidan traer cada vez máis nenos".

Mentres está aquí fai vida como calquera outra adolescente, tamén con tarefas dentro do fogar. Diana comezará, á volta, un ciclo de informática, pero di que cando faga a maioría de idade seguirá vindo pasar tempo coa súa familia galega.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

21/07/2019