CRTVG

Buscar

As familias atrasan a compra de libros de texto ante a incerteza do novo curso

Publicado o 19/08/2020 12:32

As dúbidas sobre a volta ao colexio está a atrasar a venda de libros de texto e material escolar; nalgúns casos, a reserva de libros caeu á metade.

A incerteza ante o novo curso escolar fixo baixar tanto a reserva como a venda dos libros de texto. A presidenta da Federación de Libreiros de Galicia, Pilar Rodríguez, di que a xente ten "un pouco de medo" e está deixando todo para a última hora, aínda que esperan que vaia evolucionando a mellor.

Os pais dos nenos máis cativos, "os de educación infantil, os poucos que veñen reservar libros, reservan só un trimestre, polo medo de que os nenos non volvan ás aulas ou que llelos devolvan. Entón, a situación pola que estamos atravesando non é boa".

Ao final, di a presidenta dos libreiros, "un traballo que habería que facer en dous meses ímolo ter que facer en menos tempo e nunhas condicións de atención ao público que non son as óptimas, xa que as ocupacións son limitadas".

Pilar asegura que as familias teñen moita incerteza e non saben que facer e que en "moitos casos consúltannos a nós se comezaran os cursos, se non, como se as librerías, por estar ligadas á consellería polos libros, tivésemos máis información".

 

Noticias web

19/08/2020