CRTVG

Buscar

As familias aproveitan a xornada festiva para gozar da neve

Publicado o 08/12/2020 13:30

Tras días de nevaradas, este martes non deixa problemas na rede viaria

Na montaña luguesa continuou caendo a neve ao longo da mañá, se ben con pouca intensidade e só nas cotas máis altas. Os turistas foron os que máis se beneficiaron deste día. 

Ao longo da mañá o temporal só se deixou sentir, e non con moita intensidade, nas zonas máis elevadas da provincia de Lugo, é decir, as que están por riba dos mil metros de altitude, como o caso do alto do Cebreiro. Na rede de estradas non houbo complicacións se ben é certo que, por tratarse dunha xornada festiva, o tráfico foi moito menor. Así, os turistas que se achegaron a esta zona dos Ancares foron os que máis desfrutaron da neve.

Dende primeira hora da mañá foron moitos os que se achegaron dende toda Galicia e dende a parte de León para desfrutar da neve no alto do Cebreiro. A boa situación das estradas logo de que a chuvia fundise os restos da nevarada facilitou os accesos ata o lugar. Deslizarse pola neve, facer bonecos ou tirar bolas foron a tónica durante esta mañá. Unha presenza de turistas que deu algo de folgos os negocios da zona logo dun ano en que apenas recibiron visitas de peregrinos. Iso si, as temperaturas foron moi baixas, caendo ata os cero graos, e a neve lixeira estivo caendo a intervalos. Unha estampa típicamente invernal para goce das familias.

Para as vindeiras horas está previsto que a cota de neve baixe ata os 900 metros de altitude polo que poderían repetirse as complicacións que se viviron nas estradas da montaña o pasado venres. As temperaturas continuarán estando incluso por baixo dos cero graos debido a entrada dunha nova masa de aire polar.

Noticias web

08/12/2020