As universitarias ás que lles caeu o teito do salón enriba quedan sen piso onde vivir
Aínda co susto no corpo están as dúas mozas universitarias, despois de ver como o teito do salón do piso de alugueiro onde viven en Santiago lles caía enriba. Salváronse por milímetros grazas á rápida reacción dunha delas, que desde o sofá viu como o teito comezaba a ceder e botaron a correr. Aseguran que levaban toda a fin de semana escoitando ruídos e pendentes dunha greta que se estaba a acentuar, pero non agardaban que o teito lles puidese caer enriba.
Recoñecen que estas alturas de curso non lles será doado atopar outro piso onde vivir adaptado ao seu presuposto. Agradecen que a USC puxera á súa disposición uns cuartos nunha residencia. Malia o susto e as consecuencias que implica o sucedido, quedan coa parte positiva de que non sufriron danos persoais.
Dende a inmobiliaria recoñecen que os comentarios transmitidos polas mozas non foron afortunados, pero alegan que actuaron con rapidez, e din que xa falaron coa propietaria para intentar compensalas.