As estradas do país deixan tres mortos na fin de semana
Fin de semana negra nas estradas galegas. Tres persoas morreron en máis de media ducia de accidentes que houbo. Entre os máis graves, un home atropelado na autoestrada do Atlántico á altura de Pontevedra, que está pendente de confirmar a súa identidade e unha vítima que ía nun patinete eléctrico en Poio.
Todo está pendente da autopsia que se está a facer hoxe para coñecer as causas da morte dun home de 32 anos en Poio que ía nun patinete eléctrico. A vítima non levaba casco e barallan que puido levar un golpe na cabeza ao caer pero non descartan que lle fora mal e antes de acabar no chan.
"Cando chegamos xa estaba a ambulancia medicalizada, que certificou o falecemento", di Manuel Vicente Camaño, de Protección Civil.
Un peón faleceu atropelado na AP-9 en Pontevedra. O condutor do vehículo que o bateu non puido esquivalo. Outros tres coches víronse implicados ao colidiren entre si. O sinistro aconteceu nas proximidades da ponte da Barca no carril en dirección a Vigo. Abriuse unha investigación para determinar as causas polas que o peón camiñaba pola autoestrada.
Na aldea de Placín, en Manzaneda, morreu un ancián que bateu co tractor contra unha casa. A vítima de 85 anos idade era veciño da aldea. O vehículo apenas presentaba danos xa que o choque se produciu a moi baixa velocidade. Investiaga se foi unha morte natural.
Outro accidente fatal ocorreu en Pontevedra, na estrada de Ourense. Un coche botouse da vía na parroquia de Mourente e envorcou. A condutora quedou ferida. perdeu o control do vehículo nunha recta e foi bater contra outro, que estaba estacionado.
"Subía unha muller conducindo un vehículo e quedou durmida no coche, e iso ocasionou que pegara cun estacionado, envorcou e pegou en dous máis", di unha testemuña do sinistro.
A Garda Civil investiga por un delito contra a seguridade viaria un veciño de Ribadumia. Chocou contra o muro dunha vivenda no Facho, na parroquia de Castrelo, en Cambados. O home, que resultou ileso, conducía cunha taxa de alcol que duplicaba a permitida e tamén deu positivo en drogas.
Feridos quedaron dous menores nun accidente de tráfico en Xinzo de Limia. O sinistro tivo lugar nun cruzamento sen sinalización, preto do campo de fútbol. Nun dos vehículos viaxaban dous nenos de 21 meses e 8 anos, que foron trasladados ao centro de saúde da capital limiá por precaución. Todos os implicados no sinistro son familiares.