As escusas dos infractores: solicitaban pases para ir ver pisos en venda na Mariña
Pases para poder ver un piso é a solicitude que máis se repetía nas inmobiliarias da Mariña ao descolgar o teléfono. Eran os días previos á Semana Santa. Coa comunidade pechada perimetralmente, toda picaresca era válida para intentar saltar as restricións.
A escusa ten un fundamento, ata a chegada da pandemia, a Semana Santa era un período vacacional que as inmobiliarias da Mariña aproveitaban para sacar á venda o stock de vivendas de vacacións. Pero a crise sanitaria paralizou estas excursións para os de fóra.
Visitas a familiares enfermos, citas médicas ou de traballo son outras das escusas que empregaron os que foron pillados saltando os peches perimetrais. Ata 1.700 propostas de sanción tramitáronse nesta Semana Santa en Galicia, por non respectar as restricións.