CRTVG

Buscar

Vocación dos mestres e familias implicadas: o segredo das escolas rurais de Valga

Publicado o 17/09/2021 15:19

"O que temos aquí no CRA que non hai ao mellor noutros centros educativos é unha gran comunidade educativa, moi afianzada, moi fortalecida, formada por profesorado con moitísima vocación e familias moi implicadas", comenta Antía Piñeiro, titora da escola rural de Vilarellos.

Nada máis entrar lavan as mans e calzan as zapatillas, están aprendendo a ser autónomos. Os de 3 anos comparten aula cos de 5.

"Pois funcionan marabillosamente, moito mellor que en aulas separadas ou segregadas por idade, porque aqui os nenos de 3 anos teñen unha adaptación impresionante onde o alumnado de 4 e 5 anos son os profes deles. Aquí non temos libros, por tanto podemos elaborar material, recursos adaptados ás necesidades de cada neno e nena en concreto", apunta Antía.

Non dispoñen de moitos cartos, pero si de moitas mans para facer todos os arranxos que as escolas precisan.

"Se podemos botar unha man cando toca á hora de arranxar calquera cousa e de pintar ou que teñen que montar algo, a verdade que son escolas moi, moi abertas pero tamén cos veciños", explica Beatriz Martínez, nai dun dos pequenos.

Beatriz, que vive en Cuntis e lévalle media hora chegar á escola, está feliz coa educación que recibe o seu fillo.

"Veñen expresamente e prescinden ao mellor de servizos de comedor escolar e transporte que teñen en centros máis próximos. Este ano matriculamos 34 alumnos, co que conformamos xa un centro de 80 alumnos que é un número importante cos tempos que nos toca vivir", explica Adrián Baloira, director do CRA de Valga. 




 

Noticias web

17/09/2021