CRTVG

Buscar

As escolas galegas rozan o milleiro de casos, con Vigo como foco principal da incidencia

Publicado o 29/10/2020 15:30

• Mos e Vigo contan con gromos escolares que alcanzan ou superan os 10 contaxios

• Mantéñense pechadas, polo menos, 46 aulas e dous centros

As escolas galegas rozan o milleiro de casos, con Vigo como foco principal da incidencia

A escalada de positivos no sistema educativo aínda non remite e os positivos rozan este xoves o milleiro de contaxios en centros, institutos e escolas infantís galegas.

As autoridades sanitarias cuantifican polo menos 961 casos nestas instalacións, case medio centenar máis que a xornada anterior.

Estes datos manteñen unha tendencia de incremento constante e alcanzan cifras que superan nun 30% ás rexistradas hai unha semana.

Esta situación obriga a manter pechadas polo menos 46 aulas, unha escola infantil en Lugo e un punto de atención á infancia en Boborás aínda que as cifras de incidencia son maiores ás achegadas pola Xunta, que só recolle as unidades e centros clausurados polo Sergas e non outros peches que se producen por iniciativa dos equipos directivos, a pesar de que se apliquen seguindo o protocolo ante a covid-19.

Neste contexto, destaca a área sanitaria de Vigo, que se mantén como o foco principal da incidencia da covid-19 ao contar con 225 positivos nos seus centros.

A cidade olívica e o municipio de Mos rexistran, ademais, os casos máis graves de contaxios de todo o territorio galego, con dez positivos no CPR Plurilingüe Apóstolo Santiago e once no Plurilingüe Lareira, respectivamente.