CRTVG

Buscar

As enquisas reafirman a maioría do PPdeG nas próximas eleccións autonómicas

Publicado o 21/06/2020 11:30
As enquisas reafirman a maioría do PPdeG nas próximas eleccións autonómicas

Os datos das enquisas que publican varios xornais galegos este domingo, a tres semanas da celebración das eleccións ao Parlamento de Galicia, reflicten a maioría que lograría o Partido Popular de Galicia, por diante do PSdeG que se mantén como segunda forza política na comunidade e dun BNG en ascenso respecto aos comicios de hai catro anos.

O prognóstico de Sondaxe para La Voz de Galicia vaticina que o PP lograría 40 escanos no pazo do Hórreo, un menos que no 2016, pero que seguiría sendo maioría absoluta. O PSdeG obtería dous escanos máis, co que obtería así 16 representantes, mentres que o BNG pasaría de 6 a 11 deputados e Galicia en Común só conseguiría 8 escanos polo que se convertería na cuarta forza parlamentaria. Na última lexislatura, En Marea foi o segundo grupo con case o 20% dos votos e 14 deputados.

Na mesma liña, a enquisa de Infortécnica para os grupos de La Región e El Progreso reflicte, con certa marxe, a mesma composición: 39-43 escanos para o PPdeG, 21-24 para o PSdeG, 8-9 para o BNG, 3-4 para Galicia en Común e deixa a posibilidade de que outra formación (Vox, En Marea ou Ciudadanos) puidera ter un representante.