As enquisas prognostican unha baixada do PSOE, C's e UP e unha suba do PP e Vox
As enquisas publicadas hoxe por diferentes medios acentúan as tendencias que se viñan reflectindo nas últimas semanas: o PSOE tende a baixar o número de deputados obtidos o 28 de abril, mentres que o PP se situaría no centenar. Ciudadanos perdería máis da metade dos seus escanos. E xa hai dúas sondaxes que sitúan a Vox con máis de 40 deputados.
Todas as enquisas publicadas aventuran que se recortan as diferenzas entre os bloques de "esquerda" (PSOE+UP+MP) e "dereita" (PP+C's+Vox) fronte ás eleccións pasadas. A sondaxe do ABC é a única que prognostica que unha vantaxe dos partidos da dereita. En todo caso, ningún dos bloques alcanza os 176 escanos da maioría absoluta do Congreso, polo que a gobernabilidade de España se presenta aínda máis complicada ca nos comicios de abril.
O CIS publicará esta semana a súa propia enquisa de intención de voto para as eleccións do 10 de novembro.