CRTVG

Buscar

As enquisas electorais destacan o papel decisivo dos indecisos

Publicado o 22/04/2019 14:55

Hoxe é o último día en que os medios de comunicación poden publicar enquisas sobre intención de voto nas eleccións xerais do próximo domingo, de acordo coas normas da Xunta Electoral. Estas sondaxes coinciden na tendencia á alza do partido socialista, que, aínda así, precisaría do apoio de Podemos e independentistas para gobernar.

Para o ABC, os indecisos teñen a chave o próximo domingo, uns oito millóns de electores que poderían evitar, di o xornal, outro "goberno Frankestein". Segundo a súa sondaxe, o PSOE continúa evolucionando á alza en intención de voto, pero precisa apoios para formar goberno. Non lle chega cos escanos de Unidas Podemos, que evoluciona á baixa e quedaría en cuarto posto, e precisaría dos de Esquerra Republicana. Pola súa parte, a suma de PP, Ciudadanos e Vox queda lonxe da maioría absoluta.

En canto á análise territorial, en Galicia os socialistas superarían en escanos os populares, 10 fronte a 9. Unidas Podemos e Ciudadanos gañarían dous cada un e quedarían sen representantes o BNG e Vox. A enquisa non fai alusión a En Marea.

Esta sondaxe coincide coa que publica La Razón. O diario destaca que a división na dereita daría o goberno a Sánchez, que tería que reeditar o pacto da moción de censura. Resalta ademais o papel dos indecisos, que decantarían a balanza, e destaca un dato: máis de dous millóns de persoas dubidan entre Casado e Rivera.

E o xornal El Mundo céntrase hoxe nos acordos postelectorais que precisaría Pedro Sánchez para manterse na Moncloa. Segundo a súa sondaxe, o 70% dos españois rexeita un pacto con partidos independentistas, unha porcentaxe que sobe ata o 72% entre os votantes socialistas.

Noticias web

22/04/2019