CRTVG

Buscar

As enerxías renovables disparan o valor en bolsa da empresa galega Greenalia

Publicado o 06/12/2018 13:27

Greenalia está composta por un grupo de empresas dedicadas ás enerxías renovables que están presentes en sectores como os da biomasa, a enerxía eólica e fotovoltaica.

O seu proxecto mais ambicioso é hoxe a central de biomasa de 50 megawatts que se constrúe en Curtis e que forma parte do plan de investimentos a realizar ata o 2023.

Os responsables da empresa cren que o plan de futuro foi o que espertou o interese dos investidores por Greenalia.

Antonio Fernández, director financeiro de Greenalia: "O valor da acción incrementouse un 161% nun ano e dous días. Estamos moi contentos coa evolución do valor pero ao final iso é como consecuencia de ter cumpridos os obxectivos que marcaramos, co plan de negocio, con ter finalizado o acordo financeiro para a planta de biomasa de Curtis".

A empresa, con sede na Coruña, recoñece o potencial que ten Galicia para a maioría dos seus proxectos.

Antonio Fernández, director financeiro de Greenalia: ​"Nós seleccionamos os proxectos moi próximos ao recurso, no caso da biomasa é obvio, somos unha das potencias forestais non só a nivel de España, senón a nivel de Europa, e no caso do recurso eólico tamén, somos uns dos principais núcleos de potencia eólica a nivel nacional".

Antonio Fernández admite que os comezos foron complicados porque non foi fácil atopar xente con altas capacidades para un proxecto como o de Greenalia que considera atractivo e ambicioso.


 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

06/12/2018