CRTVG

Buscar

As empresas que traballan co desaloxo de 'okupas' actúan ao límite da lei

Publicado o 21/03/2019 21:21

Nos límites da lei, seguindo o ronsel doutras actividades coma as dos cobradores de débedas. Así é como actúan as empresas especializadas en expulsar os ocupantes ilegais das vivendas. Para desaloxalos, recorren a prácticas intimidatorias, como despregar onda o inmoble ocupado ata unha ducia de homes fornidos, denominados controladores de acceso, que bloquean a entrada e que exercen presión sobre os 'okupas'. 

Víctor Muñoz Meilán, avogado: "Cando te chaman por unha débeda que din que tes, estante chamando e machacando. Onde está o límite entre o legal e o ilegal? Ao fin e ao cabo, xogan con iso".

En calquera caso, o feito de que os donos das vivendas ocupadas recorran a este tipo de servizos evidencia, segundo expertos legais, un certo fracaso do sistema á hora de garantir o uso da súa propiedade fronte a posibles usurpadores.

Víctor Muñoz Meilán, avogado: "O que ten que funcionar é o sistema. En vez de pagarlle a este señor, poderiamos pagarlle a un vixiante privado entre todos os veciños e xa o teriamos amañado. Pero iso non tería sentido. Estamos falando xa de que deixariamos en mans privadas o que é unha potestade pública".

Algúns xuristas mesmo sinalan esta actividade como ilegal, posto que por lei só poderían desocupar os xuíces ou a policía.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

21/03/2019